Wednesday, April 27, 2005

Manifesto

Pon un bico na lingua
o teu bico no bicarelo
do bico da lingua
e, sempre, con ela, bica.
Mil primaveras máis para
o galego
bicos 1000 na miña, túa,
súa, nosa lingua.
Do teu -yo- ao meu -eu-
que estoure un bico e que Galiza esperte.
Que esperte de Fonmiñá a Cabo Vilán.
Óiase, á fin,
o bocexo da Galiza subversiva
petrificada de séculos.
Os rumorosos non din
nada de nada
mais si temos castiñeiros
de mil anos que resisten
e especies foráneas achantadas
na terra
que rosman en galego
e reclaman futuro.
Levantemos como estandarte
a bandeira da imaxinación
na que collemos todos/as,
os/as que non naceron e
os/as que están,
os/as que han de vir e
os/as que tiveron que marchar
todos, desde aquí, acollidos, no mundo,
desde aquí, en galego, no mundo.

Desde aquí, mentres oímos de lonxe o ruído da choiva
e bailamos hip-hop na pista dun pub,
mentres calamos cun amable descoñecido
que encaixa no noso soño,
mentres miramos como o camareiro
lle serve unha copa á rapaza máis ghuai...
quizais siga chovendo.
Desde aquí, mentres respiramos esta música,
agora pesada e monótona,
mentres do curruncho máis escuro
a fermosura desa parella nos reclama,
mentres atrapamos un chisco de ollo
previamente imaxinado,
e xa somos paspáns namorados...
quizais non cese de chover.
Desde aquí, mentres fisgamos
no bolso da amiga,
mentres ensaiamos a retardada fuga,
mentres nos queiman cun cigarro e
só podemos ver a lúa sen as estrelas,
quizais non pare xamais de chover.

Porque oídeo, nós somos:
Unha prole de lucecús que alumean os buracos negros de Galiza.
Un exército de corazóns preñados de utopía que freará a colonización da escuridade.
Choiva maina que rega a nosa cultura milenaria.
Humus patrio que garante a súa fertilidade.
Elixir que todo o cura.
Un si agudo no inestable pentagrama que esnaquizará espellismos.
Lóstrego súbito que fará borralla da pel de cacique.
Porque con respecto aos pesimistas nós somos optimistas,
e, aínda que non venda,




Comprendemos que
quizais para atraer a turistas
sexa preciso falar

Pero nós preferimos as cousas núas,
sentar á mesa ós nosos mitos,
e despois, entre nós, leriar:
pode que Murguía fose mullerengo,
que Rosalía soñase coa sombra de Aguirre,
que Otero aprobase todos os alumnos,
E Pondal... Pondal quizais non casase por manter a pensión.
E con respecto aos novos,
preferimos o silencio xusto dalgúns/unhas
que a cantarela doutros.

Así pois, luza ou non o Sol,
sabédeo, seguiremos adiante.

na palabra inarticulada dos proscritos da linguaxe
no trémulo beixo da condición de amante
na ollada terrosa da nai sen froito
no arrecendo da uz e do xurelo
no andén da estación e no cumio do outeiro
na fonte da praza e na corredoira das vacas
no visible do invisible e no invisible máis visible
que esquiva a nosa,vosa descuberta
porque o galego é a voz das palabras que nos silencian
Cómprenos a lingua para sermos luz nesta EUROPA caduca.

Que aniñe a nosa verdade no vento
e paira no Parlamento.

1 Comments:

Blogger MaLeVi said...

Wenu, espero ke alomenos leades algun dos meus superreketehipermegaultrakomentarios, e se vedes ke a sechu non lle molan, borradeos (e ke non sei se nos deixa poñer posts nos blogs doutros... ¬_¬U XDDD

10:52 AM

 

Post a Comment

<< Home